Saltar al contenido

Silleda acolle unha mesa clave do Foro Territorio Rural Resiliente para impulsar a actividade e fixar poboación no rural

  • A Fundación Roberto Rivas reúne a expertos para avanzar en propostas que reforcen o emprendemento, melloren o acceso a recursos e activen o ecosistema territorial galego
  • O proceso de reflexión colectiva, aberto tamén a cidadanía a través dun formulário na web foroterritoriorural.galinscrición o 28 de maio en Santiago de Compostela.

Silleda, 17 de abril de 2026 | A Fundación Roberto Rivas, en Silleda, converteuse este venres nun dos epicentros do debate sobre o futuro do rural galego coa celebración da mesa de traballo “Persoas, actividades e poboación no rural”, integrada no proceso do Foro Territorio Rural Resiliente.

A sesión, correspondente á segunda rolda de encontros, permitiu avanzar na definición de propostas concretas orientadas a activar o territorio e reforzar o tecido socioeconómico, nun contexto marcado polo desafío demográfico e a necesidade de xerar oportunidades no medio rural.

O traballo desenvolvido pon o foco non só na creación de novos proxectos, senón tamén na importancia de conectar, fortalecer e facer medrar as iniciativas xa existentes, evitando a dispersión de esforzos e aproveitando o potencial do territorio.

Entre as liñas estratéxicas definidas destacan o impulso de sistemas de acompañamento ao emprendemento rural, especialmente nas fases iniciais; a mellora do acceso a recursos clave como a terra, a vivenda e o financiamento; e a adaptación do marco normativo á realidade do medio rural.

Tamén se subliña a necesidade de activar o ecosistema territorial, reforzando redes entre axentes e visibilizando oportunidades, cun papel relevante da comunicación para mellorar a imaxe do rural e atraer novos perfís. A diversificación e valorización da actividade económica aparecen como outro dos piares para garantir un desenvolvemento sostible.

Unha visión compartida desde distintos ámbitos

A mesa contou coa participación de representantes da administración pública, do sector produtivo, de entidades sociais e de iniciativas privadas, o que permitiu construír unha visión plural e pegada á realidade do territorio.

Entre as conclusións máis destacadas figura a necesidade de pasar de accións illadas a procesos continuados no tempo, mellorar a conexión entre proxectos e poñer en valor experiencias xa en marcha como exemplos replicables.

A continuidade dunha parte dos participantes, xunto coa incorporación de novos perfís, permitiu dar seguimento ao traballo iniciado e enriquecer o debate nesta segunda fase.

Vanessa Loureiro, coordinadora de proxectos da Fundación Roberto Rivas, destacou que “esta segunda xornada contou cunha participación moi activa, con arredor de 15 persoas de perfís moi diversos, moitas delas xa presentes na primeira sesión, o que nos permitiu dar continuidade ao traballo e avanzar cara a propostas máis concretas”. Loureiro subliñou que “o foco estivo en baixar á terra as medidas identificadas, analizando a súa aplicación real”.

A partir das liñas de traballo abordadas, seleccionáronse cinco medidas prioritarias, entre as que destacan a posta en marcha de programas de mentorización para novos entrantes no rural, o acompañamento técnico continuado aos proxectos, a creación de redes de apoio e intercambio, o impulso de políticas activas de acceso á vivenda e o fortalecemento da transformación e comercialización local dos produtos.

Participación aberta e cita final en Santiago

O proceso mantén aberta a participación cidadá a través dun formulario para recoller achegasmentres que a organización prevé abrir a principios de maio a inscrición ao público xeral para o evento final.

O Foro Territorio Rural Resiliente culminará o 28 de maio en Santiago de Compostela, onde se presentarán as principais conclusións destas mesas de traballo.

A iniciativa busca contribuír a un rural máis activo, resiliente e preparado para afrontar os retos demográficos, económicos e ambientais, a través dunha mellor ordenación e xestión do territorio.

Sobre o Foro Territorio Rural Resiliente

O Foro Territorio Rural Resiliente é unha iniciativa independente impulsada desde a sociedade civil pola Fundación Juana de Vega e LaboraTe (Laboratorio do Territorio da USC) en colaboración coa Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio de Xornalistas de Galicia. O Foro estrutúrase en 6 mesas de traballo nas que participan unhas 120 persoas expertas, representantes de diversos sectores profesionais e organizativos vinculados ao medio rural galego.