Saltar al contenido

O Foro Territorio Rural Resiliente inicia a segunda fase das súas mesas de traballo para avanzar en propostas de gobernanza territorial

  • por

Casa RIA acolleu hoxe a continuación dos debates sobre cooperación público-privada-comunidade tras unha primeira xuntanza na que se puxo de manifesto a necesidade de acción conxunta para a xestión do territorio no rural.

O proceso de reflexión colectiva culminará nun evento aberto ao público xeral mediante inscrición o 28 de maio en Santiago de Compostela.

Na web foroterritoriorural.gal habilitouse un formulario para que calquera persoa poida enviar achegas, ideas ou propostas que amplíen e complementen o proceso.

Santiago de Compostela, 15 abril de 2026 | O Foro Territorio Rural Resiliente inicia a segunda quenda das súas mesas de traballo preparatorias, un novo paso no proceso de reflexión colectiva que rematará o próximo 28 de maio en Santiago de Compostela. Esta nova fase ten como obxectivo afondar nas propostas xa formuladas e avanzar cara a medidas concretas que melloren a ordenación e xestión do territorio rural galego.

A primeira das sesións desta segunda etapa celebrouse hoxe en Casa RIA (Santiago de Compostela) para retomar o traballo da mesa de “Gobernanza e cooperación público-privada para a ordenación territorial”, coordinada pola Fundación RIA, que xa acolleu a súa primeira xuntanza o pasado 17 de marzo.

Aquel primeiro encontro puxo de manifesto a necesidade de avanzar cara a modelos de gobernanza territorial máis sólidos, capaces de mellorar a coordinación entre administracións públicas, sector privado e comunidades locais. As persoas participantes coincidiron en sinalar que a fragmentación institucional, a falta de mecanismos de facilitación e a vulnerabilidade das estruturas colectivas están a limitar a capacidade de acción conxunta no rural.

Como resultado, elaborouse unha diagnose compartida que permitiu identificar tres niveis de análise: obxectivos prioritarios, principios do modelo de gobernanza e limitacións estruturais do sistema actual. Entre as prioridades destacan reforzar a cooperación entre actores, garantir a participación efectiva ao longo dos procesos, fortalecer o papel das comunidades locais e mellorar a capacidade técnica e organizativa.

En canto aos principios do modelo, sublíñase a necesidade dunha definición clara de roles, a coordinación multinivel entre administracións, a transparencia e a avaliación continuada dos procesos. Pola contra, entre as principais limitacións identificadas figuran a fragmentación institucional, a dificultade de articular a gobernanza en distintas escalas, a falta de estruturas de facilitación e o desgaste das persoas implicadas na dinamización cando estas son voluntarias.

Segunda xuntanza

A segunda xuntanza da mesa desenvolveuse esta mañá nun formato de grupo único de traballo, co obxectivo de revisar, concretar e priorizar unha serie de medidas extraídas das aportacións da primeira xuntanza, afinando a súa formulación e identificando posibles axentes líderes para a súa implementación.

Igual que hai un mes, a participación de entidades procedentes da administración pública, a investigación, os sectores produtivos e o ámbito social permitiu incorporar unha visión plural e multidisciplinar, favorecendo un intercambio enriquecedor de experiencias.

A sesión iniciouse coa posta en común das conclusións da mesa de traballo anterior, a identificación de casos de cooperación exitosa e de criterios cualitativos e cuantitativos para a avaliación da calidade da gobernanza destacados polas persoas asistentes.

A continuación, o segundo bloque da xornada xirou arredor da valoración de seis medidas que foron identificadas con potencial para contribuír positivamente ao artellamento de actores para a acción conxunta. Así, valorouse a súa prioridade, viabilidade, e identificáronse primeiros pasos para implementalas. De cara ao Foro do 28 de maio, o traballo da Fundación RIA centrarase agora na incorporación de todas as achegas das persoas participantes na xornada.

Participación aberta á cidadanía

De maneira paralela ao traballo das mesas, o Foro Territorio Rural Resiliente abre tamén vías de participación para a cidadanía. Na web https://foroterritoriorural.gal habilitouse un formulario aberto para que calquera persoa interesada poida enviar achegas, ideas ou propostas que contribúan ao proceso de reflexión.

Ademais, está previsto que a principios de maio se abra a inscrición para o público en xeral ao evento final do foro, que contará cun número limitado de prazas e no que se presentarán e debaterán as conclusións das mesas de traballo.

Esta nova fase reforza o carácter participativo do Foro Territorio Rural Resiliente, unha iniciativa impulsada desde a sociedade civil galega que busca contribuír a un territorio rural máis activo, resiliente fronte aos incendios e preparado para afrontar os retos económicos, demográficos, climáticos e ambientais, a través dunha mellor ordenación e xestión territorial.

Sobre o Foro Territorio Rural Resiliente

O Foro Territorio Rural Resiliente é unha iniciativa independente impulsada desde a sociedade civil pola Fundación Juana de Vega e LaboraTe (Laboratorio do Territorio da USC) en colaboración coa Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio de Xornalistas de Galicia. O Foro estrutúrase en 6 mesas de traballo nas que participan unhas 120 persoas expertas, representantes de diversos sectores profesionais e organizativos vinculados ao medio rural galego.