Saltar al contenido

O Foro Territorio Rural Resiliente impulsa un debate colectivo para blindar Galicia fronte aos lumes

  • por
  • O evento final celebrarase o 28 de maio na Cidade da Cultura e reunirá a máis de 200 asistentes vinculados á investigación, sector produtivo, educación, terceiro sector, medios de comunicación, administracións, persoas expertas e particulares.
  • Máis de 120 persoas expertas, representantes de entidades, colectivos e empresas participaron no proceso previo para identificar e priorizar medidas e liñas estratéxicas que se presentarán no encontro.
  • Os promotores do Foro Territorio Rural Resiliente destacaron que “falar do rural non é falar do pasado. É falar de como Galicia quere organizar o seu futuro”.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2026 | O Salón Reitoral do Colexio de San Xerome acolleu esta mañá a presentación oficial do Foro Territorio Rural Resiliente, unha iniciativa impulsada desde a sociedade civil que celebrará o vindeiro xoves, 28 de maio, un gran encontro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, co fin de avanzar cara a un territorio rural máis activo e resiliente.

Este movemento está promovido pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC, coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

No acto desta mañá participaron o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; a profesora e investigadora do LaboraTe – USC, Inés Santé; e o vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento da USC, Marcelo Maneiro.

Durante a presentación,José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, relatou que o Foro concibiuse como un proceso de reflexión colectiva e de co-creación estratéxica arredor do futuro do rural galego, aberto a diferentes voces, sectores e sensibilidades, co obxectivo de construír unha mirada compartida sobre os principais retos territoriais que temos por diante. Neste sentido, Andrade apuntou que “o Foro parte dunha idea central: a mellor política contra o abandono é que o territorio volva ter uso, actividade e persoas que o xestionen”.

Destacou que “tamén xorde dunha convicción: o futuro de Galicia vai depender en gran medida do futuro do rural. O rural é estratéxico para o futuro do país porque sabemos que cando a terra non a xestiona ninguén, acaba xestionándoa o lume”, co custo económico, social e ambiental que iso supón para o conxunto da sociedade.

Neste sentido, reflexionou que “Galicia precisa investir máis na prevención territorial e na xestión activa do solo”. Segundo sinalou, resulta máis eficiente destinar recursos públicos a incentivar a mobilización de terras, a recuperación de superficies abandonadas e a xestión activa do territorio que concentrar cada vez máis esforzos en apagar lumes ou en reforzar un dispositivo de extinción que, no actual contexto de cambio climático, terá cada vez máis dificultades para facer fronte a incendios máis intensos e complexos. “Os incendios non poden entenderse só como unha emerxencia puntual. Son tamén o síntoma dun territorio que perde actividade, xestión e capacidade de resposta”, concluíu.

Pola súa banda, a profesora e investigadora do Laboratorio do Territorio da USC, Inés Santé, explicou o proceso de traballo previo do Foro, estruturado en seis mesas nas que participaron arredor de 120 persoas expertas e representantes do tecido produtivo, o sector agroforestal, a academia, a administración, as entidades sociais, as comunidades de montes, as empresas, as cooperativas e os medios de comunicación. Estas mesas abordaron cuestións como a visión estratéxica do territorio rural, a ordenación dos usos agroforestais, a mobilización de terras, a actividade económica e a poboación, a gobernanza público-privada e a comunicación social do rural. O obxectivo foi identificar consensos, prioridades e propostas de acción que permitan avanzar cara a unha mellor planificación e dinamización do territorio.

Santé lembrou que un estudo das universidades galegas demostra que poñer en produción as terras abandonadas da nosa comunidade permitiría incrementar en máis de 1.000 millóns de euros a produción do sector agrario galego. “Queremos que o Foro Territorio Rural Resiliente sexa un punto de encontro, pero tamén un punto de partida. Non vimos só diagnosticar problemas que Galicia coñece desde hai anos. Vimos ordenar ideas, construír consensos, identificar prioridades e activar alianzas”. Por iso, convidou a administracións, entidades, profesionais, empresas, comunidades locais, medios de comunicación e cidadanía a participar neste proceso, “porque falar do rural non é falar do pasado. É falar de como Galicia quere organizar o seu futuro”, rematou.

Finalmente, Marcelo Maneiro, vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento da USC, sinalou que unha das ideas nas que se sustenta o Foro é que a universidade non chega ao territorio para substituír o coñecemento existente, senón para dialogar con el, ordenalo, contrastalo e amplificalo.

Neste sentido, recoñeceu que “o Campus Terra constitúe un marco especialmente acaído para impulsar unha reflexión aplicada sobre o futuro do rural galego, ao conectar docencia, investigación, transferencia e innovación arredor dos grandes retos vinculados á terra, á sostibilidade, á produción agroalimentaria, á xestión forestal e ao equilibrio territorial”.

Un foro estruturado arredor dos grandes retos do territorio

A xornada final do Foro, aberta ao público e con máis de 200 persoas xa inscritas, estruturarase en tres grandes bloques temáticos que recollen as conclusións e medidas identificadas nas mesas de traballo previas.

O programa contará coa participación institucional do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, José González, así como da directora xeral de Gandería e Sanidade Agraria do Principado de Asturias, Rocío Huerta, que compartirá a experiencia do Pacto polo Medio Rural impulsado nesta comunidade autónoma.

Tras a presentación da filosofía do Foro por parte de José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, o primeiro bloque estará centrado na xestión activa do territorio, as persoas e as actividades económicas. Abordará cuestións como a mobilización de terras agrarias abandonadas, o papel dos montes veciñais, a remuda xeracional e o impulso a modelos produtivos que contribúan á prevención dos incendios. Neste espazo exporanse tamén experiencias inspiradoras como o proxecto catalán “Ramats de foc”, Movegandex, a cooperativa Horsal e a Fundación TerrEo de Ribeira de Piquín.

O segundo bloque estará dedicado á ordenación e gobernanza do territorio e incluirá propostas vinculadas á planificación supramunicipal, á protección dos solos agrarios e á mellora da coordinación institucional para avanzar cara a unha xestión territorial máis eficiente e resiliente. Neste espazo contarán a súa experiencia os alcaldes de Fisteus de Curtis (A Coruña) e Larouco (Ourense).

A comunicación ocupará o terceiro bloque da xornada, cun coloquio no que se analizará como se conta o rural nos medios e que papel pode desempeñar a comunicación para combater a pasividade social fronte ao abandono do territorio.

A xornada concluirá cunha dinámica participativa orientada á identificación de prioridades estratéxicas e á creación dunha alianza de futuro arredor do territorio rural resiliente, coa vista posta nun horizonte de Galicia rural viva, economicamente dinámica e ambientalmente protexida cara ao ano 2040.

Sobre o Foro Territorio Rural Resiliente

O Foro Territorio Rural Resiliente é unha iniciativa independente impulsada desde a sociedade civil pola Fundación Juana de Vega e LaboraTe (Laboratorio do Territorio da USC) en colaboración coa Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio de Xornalistas de Galicia. 

O fin último do Foro Territorio Rural Resiliente é contribuír a un territorio rural máis activo, resiliente ao lume e preparado para afrontar os retos económicos, demográficos, climáticos e ambientais, a través da mellora da ordenación e xestión territorial. 

O traballo previo do Foro estruturouse en seis mesas de traballo nas que participaron unhas 120 persoas expertas, representantes de diversos sectores profesionais e organizativos vinculados ao medio rural galego.