Saltar al contenido

O Foro Territorio Rural Resiliente avanza na definición de sete liñas estratéxicas para reforzar a resiliencia do rural galego fronte aos lumes

  • A Fundación Juana de Vega acolleu a segunda xuntanza da mesa “Visión estratéxica do territorio rural” do Foro Territorio Rural Resiliente, que culminará cun evento final o 28 de maio en Santiago de Compostela
  • Este proceso participativo tamén está aberto á cidadanía a través dun formulario web no que calquera persoa interesada pode enviar as súas achegas.

Oleiros, 22 abril de 2026 | A Fundación Juana de Vega acolleu esta mañá a segunda xuntanza da mesa de «Visión estratéxica do territorio rural» do Foro Territorio Rural Resiliente. A sesión supuxo un paso decisivo na construción dun modelo de territorio máis preparado fronte aos incendios e ao cambio climático. 

Durante a xuntanza presentáronse as sete liñas estratéxicas e as 25 medidas operativas orientadas a fortalecer a resiliencia do rural galego, avanzando así cara ao encontro final que se celebrará 28 de maio en Santiago de Compostela. 

Esta segunda reunión da mesa “Visión estratéxica do territorio rural” permitiu avanzar desde unha fase máis conceptual cara a unha maior concreción das propostas. Unha vez establecidas as prioridades, avanzouse na súa definición, profundando nas actuacións a desenvolver e no seu alcance práctico. Neste proceso, identificáronse tamén os axentes clave responsables de poñer en marcha estas medidas, tanto desde a administración pública como desde o tecido social e empresarial e as organizacións sectoriais, reforzando así un enfoque de gobernanza compartida e acción coordinada.

Entre as sete liñas definidas, destacáronse como prioritarias aquelas orientadas a recuperar a funcionalidade do territorio e activar os usos produtivos, así como a mellorar a gobernanza e a capacidade de execución das políticas públicas. Xunto a estas, tamén salientan as liñas centradas na ordenación dos usos do solo e no reforzo da base económica do rural. Estas prioridades reflicten a necesidade de actuar de maneira coordinada sobre os factores estruturais que están na base da vulnerabilidade do territorio fronte aos lumes. 

As medidas operativas concretan estes eixos en accións como a recuperación e a mobilización de terras abandonadas, o desenvolvemento de proxectos piloto de xestión na interface urbano-rural para a prevención de incendios, o impulso da transformación e industrialización orientadas á xeración de valor ao longo das cadeas agroforestais, a simplificación administrativa e o apoio á posta en marcha de proxectos innovadores de xestión territorial.

Durante a sesión desta mañá tamén se puxo de manifesto un amplo consenso arredor da idea de que a resiliencia non pode abordarse mediante actuacións illadas, senón a través dunha estratexia coordinada que integre dimensións produtivas, sociais, ambientais e institucionais. Neste sentido, destacouse a necesidade dun cambio de paradigma: pasar dunha planificación teórica a unha xestión activa do territorio, baseada na multifuncionalidade e na implicación dos distintos actores.

A xornada completouse cunha dinámica participativa que permitiu contrastar e enriquecer as propostas, consolidando o Foro como un espazo de construción colectiva de solucións para o futuro do rural galego.

Valoración da coordinación da mesa

José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, destacou que a xornada de hoxe foi “intensa e altamente produtiva, cunha implicación moi comprometida por parte de todas persoas asistentes”, subliñando ademais que este nivel de participación “reflicte a conciencia compartida sobre a necesidade de impulsar unha reflexión profunda e colectiva arredor do futuro dos espazos rurais en Galicia e de avanzar cara a solucións concretas e aplicables no territorio”.

A mesa “Visión estratéxica do territorio rural” é unha das seis que estruturan o Foro, xunto con outras centradas na ordenación de usos, a mobilización do espazo agroforestal, a poboación e as actividades, a gobernanza e a comunicación social.

Un dos elementos diferenciais da mesa coordinada pola Fundación Juana de Vega é a diversidade de perfís participantes, que inclúe a unha vintena de persoas expertas, entre representantes da administración pública (Xunta, Deputacións, GDRs) sectores produtivos (agrario, forestal, madeira, agroalimentario), universidades e centros de investigación (USC, IDEGA, LaboraTe), entidades sociais e fundacións.

Aberto á cidadanía

O Foro Territorio Rural Resiliente mantén ademais un enfoque aberto, a través dun formulario dispoñible na súa web www.foroterritoriorural.org para que calquera persoa poida enviar achegas, ampliando así o debate máis alá dos espazos técnicos.

As conclusións desta mesa e do conxunto do proceso presentaranse o xoves, 28 de maio, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. O evento final estará aberto ao público e proximamente facilitarase máis información para a inscrición.

Sobre o Foro Territorio Rural Resiliente

O Foro Territorio Rural Resiliente é unha iniciativa independente impulsada desde a sociedade civil galega pola Fundación Juana de Vega e LaboraTe (Laboratorio do Territorio da USC) en colaboración coa Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio de Xornalistas de Galicia. 

No proceso participativo están participando máis 120 persoas expertas, procedentes de ámbitos diversos, para analizar os principais retos do territorio e propoñer solucións. Neste espazo de diálogo, representantes de administracións públicas, empresas, proxectos e iniciativas do territorio comparten debate, contrastan visións e constrúen propostas en común co fin de mellorar o rural galego. 

Toda a información sobre o avance dos grupos de traballo está dispoñible na web oficial: https://foroterritoriorural.gal/.