Saltar al contenido

As mesas de traballo do Foro Territorio Rural Resiliente trasládanse a Lugo para deseñar un rural máis produtivo e protexido fronte aos lumes

  • por

Os encontros organizados polo Laboratorio do Territorio na sede do IBADER da USC apostan polo «catálogo de solos agropecuarios e forestais» para a ordenación de usos e por novas fórmulas para facilitar o acceso á terra e a remuda agraria.

Expertos perfilan as propostas que se presentarán no gran Foro final o 28 de maio en Santiago de Compostela.

Lugo, 30 de abril de 2026 | O Foro Territorio Rural Resiliente (FTRR), iniciativa independente impulsada pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio da USC (LaboraTe), celebrou no IBADER (Campus Terra de Lugo) a súa segunda xeira de xuntanzas técnicas. Nesta ocasión, o foco situouse na ordenación do solo e na mobilización de terras, dous piares críticos para garantir a supervivencia económica e ambiental do rural galego.

Unha planificación integral para superar a inseguridade xurídica

A mesa centrada na Ordenación de usos e instrumentos de planificación alerta de que o sistema actual sofre unha falta de coordinación normativa que xera trabas á xestión sostible. Para revertelo, os expertos, aos que sumaron xuristas de prestixio especializados en lexislación urbanística e forestal, traballaron sobre tres eixos:

• Creación dun órgano coordinador: Unha mesa de expertos interadministrativa que asegure que as novas leis non se contradigan entre si.

• Catálogo de solos agropecuarios e forestais: Un instrumento clave para ordenar o solo rústico con criterios produtivos e ambientais, superando a visión estritamente municipal por unha escala supramunicipal máis eficiente.

• Seguridade e resiliencia: Unha planificación que protexa as terras de maior aptitude agraria e configure unha paisaxe resistente aos incendios.

Mobilización contra o abandono e o reto do relevo xeracional

O grupo de Mobilización e xestión activa do espazo agroforestal centrou a reflexión na activación da propiedade agraria e dos MVMC, o impulso á remuda xeracional e novos proxectos agrarios e a vías para sensibilizar á sociedade sobre a necesidade da xestión territorial. As liñas de acción propostas destacan:

• Axilidade legal e dinamizadores locais: Vías para axilizar e simplificar o acceso e mobilización produtiva de parcelas agrarias abandonadas e a mellora da información sobre a propiedade da terra.

• A re-activación dos montes veciñais: Reforzar estes espazos como motores de dinamización territorial facilitándolles asistencia técnica e legal e promovendo a colaboración e intercambio de boas prácticas entre as súas comunidades.

• Recuperar os usos agrarios: Evitar a expansión forestal descontrolada sen discontinuidades, ao tempo que se impulsa o silvopastoralismo como estratexia de xestión.

• Remuda xeracional: Abordar de xeito integral o acceso á vivenda e a calidade de vida para atraer a novas persoas ao sector agrogandeiro e aglutinar os recursos de apoio existentes para un acompañamento integral.