Saltar al contenido

Especialistas analizan en Lugo como impulsar a mobilización e a xestión activa do espazo agroforestal en Galicia

  • por

A mesa de traballo coordinada polo Laboratorio do Territorio do Campus Terra forma parte do proceso preparatorio do Foro Territorio Rural Resiliente, que reunirá en maio en Santiago propostas para mellorar a xestión do territorio rural.

Lugo, 17 de marzo de 2026 | A mobilización e xestión activa do espazo agroforestal centrou este martes en Lugo unha das mesas de traballo do Foro Territorio Rural Resiliente, un proceso de reflexión colectiva que reúne persoas expertas e representantes de distintos ámbitos para analizar os desafíos do rural galego e propoñer liñas de actuación.

O encontro celebrouse no IBADER do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela en Lugo, nunha sesión de traballo titulada “Mobilización e xestión activa do espazo agroforestal”, na que participaron especialistas procedentes do ámbito académico, institucional e profesional vinculados ao territorio rural.

Durante a xornada abordáronse as principais dificultades que condicionan a xestión das terras agrarias e forestais en Galicia, así como as oportunidades existentes para favorecer o seu uso produtivo e sostible. O debate centrouse especialmente nos instrumentos e políticas que poden contribuír a mobilizar terras infrautilizadas, reforzar a actividade agraria e forestal e mellorar a organización do territorio.

A mesa forma parte do proceso preparatorio do Foro Territorio Rural Resiliente, unha iniciativa impulsada pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

O foro ten como obxectivo contribuír a un territorio rural máis activo, resiliente fronte aos incendios e preparado para afrontar os retos económicos, demográficos, climáticos e ambientais, a través da mellora da ordenación e da xestión territorial.

As mesas de traballo constitúen o núcleo deste proceso participativo. En cada unha delas participan entre 15 e 20 persoas expertas e representantes de diferentes sectores vinculados ao rural, que analizan os retos existentes e formulan propostas para mellorar a xestión do territorio.

As conclusións que xurdan destas sesións, e as da segunda queda entre o 21 e 24 de abril na Fundación Juana de Vega, servirán de base para o debate do Foro Territorio Rural Resiliente, que se celebrará o 28 de maio en Santiago de Compostela e no que se presentarán as principais recomendacións e liñas de acción xurdidas do proceso.

Valoración da posta en común

Trala xuntanza, os especialistas sinalan a importancia de impulsar a remuda xeneracional para asegurar a xestión activa do territorio e o papel dos Montes Veciñaias en Man Común como recurso territorial e a necesidade de activar os instrumentos de recuperación de terra agraria.

Esta sesión celebrada en Lugo forma parte dunha serie de encontros temáticos que se están a desenvolver en distintos puntos de Galicia co obxectivo de analizar de forma conxunta os retos do territorio rural e avanzar cara a propostas compartidas que contribúan a mellorar a súa xestión e a súa resiliencia no futuro.