Un proceso participativo en fases
As mesas de traballo constitúen o núcleo deste proceso. En cada unha delas participarán arredor de 15 a 20 persoas expertas e representantes de distintos sectores profesionais e organizativos vinculados ao rural, que debaterán sobre cuestións consideradas clave para o futuro do territorio. O seu labor consistirá en identificar problemas, analizar ferramentas e políticas existentes e propoñer liñas de actuación que poidan contribuír a unha mellor xestión do espazo rural.
Entre os ámbitos de reflexión inclúense a visión estratéxica do territorio rural, a ordenación de usos e os instrumentos de planificación, a mobilización e xestión activa do espazo agroforestal, as persoas e as actividades económicas no rural, así como a gobernanza e a cooperación público-privada ou o papel da comunicación e da concienciación social.
O traballo destas mesas desenvolverase en varias fases. Nun primeiro momento, as persoas participantes analizarán un documento de partida que recolle unha diagnose da situación actual e os principais retos do territorio que servirá para completar a análise, identificar cuestións prioritarias e formular posibles accións estratéxicas.
Trala primeira reunión presencial, os participantes continuarán o traballo mediante o intercambio de propostas e documentos, co obxectivo de concretar medidas que poidan ter impacto real na xestión do territorio e poder definir nun segundo encontro as conclusións e recomendacións finais de cada mesa.
Estas achegas constituirán a base do Foro Territorio Rural Resiliente, onde se presentarán e debaterán ante unha audiencia máis ampla. O encontro pretende facilitar o diálogo entre institucións, comunidade científica, sector produtivo e sociedade civil para avanzar cara a unha visión compartida do territorio rural galego.
As mesas de traballo que comezan este mes representan, así, o primeiro paso dun proceso máis amplo orientado a construír unha estratexia compartida para o territorio rural galego, capaz de afrontar os desafíos actuais e de aproveitar as oportunidades que ofrece o rural nas próximas décadas.
Calendario das mesas de traballo
O ciclo de primeiros encontros desenvolverase ao longo do mes de marzo en diferentes puntos de Galicia:
Mesa “Visión estratéxica do territorio rural” | 11/03 | Sede Fundación Juana de Vega, Oleiros (A Coruña) | 11:00 – 13:00h
Mesa “Ordenación de usos e instrumentos de planificación no rural” | 12/03 | Sede Laborate – Campus Terra | Lugo. 10:00 – 14:00 h
Mesa “Mobilización e xestión activa do espazo agroforestal” | 17/03 | Sede Laborate – Campus Terra, Lugo | 10:00 -14:00h
Mesa “Gobernanza e cooperación público-privada para a ordenación territorial” | 17/03 | Sede Fundación RIA, Santiago de Compostela | 10:00 – 14:00h
Mesa “Persoas, poboación e actividades no rural” | 18/03 | Fundación Roberto Rivas, Silleda (Pontevedra), 11:00 – 13:00 h
Mesa “Comunicación e concienciación social” | Data pendente | Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Santiago de Compostela