O proceso de traballo culminará o 28 de maio en Santiago co Foro Territorio Rural Resiliente.
Silleda, 19 de marzo de 2026 | Os retos demográficos e o papel da actividade económica no futuro do rural galego centraron este mércores en Sestelo, Silleda unha nova mesa de traballo do Foro Territorio Rural Resiliente, un proceso de reflexión colectiva que reúne persoas expertas e representantes de distintos ámbitos para analizar os desafíos do territorio e propoñer liñas de actuación.
O encontro celebrouse na Fundación Roberto Rivas, baixo o título “Persoas, poboación e actividades no rural”, e reuniu especialistas do ámbito académico, institucional e profesional vinculados ao desenvolvemento territorial.
Durante a sesión abordáronse cuestións clave como a evolución demográfica do rural galego, o impacto da perda de poboación na actividade económica e na xestión do territorio, así como as oportunidades para atraer e fixar poboación, impulsar novas actividades e reforzar o tecido socioeconómico.
O obxectivo da mesa era analizar a relación entre poboación, actividade e territorio, identificando os principais obstáculos que dificultan a dinamización do rural e explorando posibles solucións que permitan avanzar cara a un modelo máis equilibrado e sostible.
Un proceso impulsado desde a sociedade civil
A mesa forma parte do proceso preparatorio do Foro Territorio Rural Resiliente, unha iniciativa independente promovida pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
O obxectivo do foro é contribuír a un territorio rural máis activo, resiliente fronte aos incendios e preparado para afrontar os retos económicos, demográficos, climáticos e ambientais, a través da mellora da ordenación e da xestión territorial.
As mesas de traballo constitúen o núcleo deste proceso participativo. En cada unha participan entre 15 e 20 persoas expertas e representantes de diferentes sectores vinculados ao rural, que analizan os retos existentes e formulan propostas orientadas a mellorar a xestión do territorio.
As conclusións que xurdan destas sesións, a das mesas dunha segunda queda en abril, servirán de base para o debate do Foro Territorio Rural Resiliente, que se celebrará o 28 de maio en Santiago de Compostela, onde se presentarán as principais recomendacións e liñas de acción xurdidas do proceso.
Unha primeira valoración
Olga Rivas, directora da Fundación Roberto Rivas, sinala que o encontro foi “unha reflexión sobre as persoas, a poboación e as actividades que xeran unha xestión activa do territorio, e conseguen facelo mais resiliente ante os retos que temos por diante”.
Desde Sestelo en Silleda o grupo de traballo deliberou sobre as barreiras que fan que as persoas abandonen o rural, as dificultades para conseguir o relevo xeracional que precisa o sector agrogandeiro galego, para atopar excepciós e boas prácticas nas que fixarse.
Rivas tamén indica que se “esbozaron propostas concretas para a acción, que nos comprometen a cada un de nós e das nosas organizacións como iniciativas privadas, pero que precisan dunha axeitada e decidida implicación das administracións públicas en todos os seus niveis” e agradeceu a participación nesta mesa da que “saímos con gañas de aterrar en propostas concretas na seguinte reunion de traballo”.
Con esta nova sesión, o Foro Territorio Rural Resiliente continúa avanzando na análise dun dos factores clave para o futuro do territorio: a relación entre poboación, actividade económica e xestión do espazo rural, nun contexto marcado polo desafío demográfico e a necesidade de revitalización do rural galego.