Organización
Entidades coordinadoras:
Fundación Juana de Vega
A Fundación Juana de Vega é unha entidade de carácter privado e sen ánimo de lucro que ten como misión promover o coñecemento, a conservación e o desenvolvemento do medio rural de Galicia desde múltiples perspectivas concentradas en catro áreas estratéxicas de actuación. Desde a nosa posición como axente independente da sociedade civil queremos ser un nexo de unión para potenciar novas oportunidades para as persoas e para os sectores produtivos mediante a investigación, a formación, a divulgación e a transferencia de coñecemento.
Desde hai 153 anos mantemos viva a vontade expresada pola nosa fundadora no seu testamento, adaptándonos aos tempos que nos toca vivir e sempre respectando os valores e a identidade do rural de Galicia.
Queremos un rural produtivo, innovador, sostible, identitario e habitado que faga fronte ao reto demográfico, á remuda xeracional e ao emprendemento, á creación de negocios e empresas competitivas, á ordenación do territorio e, por suposto, a unha nova realidade climática que nos está obrigando a reforzar e anticipar a nosa capacidade de resiliencia.
Laborate (USC)
O Laboratorio do Territorio (LaboraTe) somos un grupo de investigación e docencia multidisciplinar da USC no que a ordenación e transición territorial constitúe o eixo estratéxico que organiza e dá sentido ao conxunto do noso labor.
A nosa misión é contribuír a territorios máis sostibles, cohesionados e conscientes dos desafíos actuais e futuros. Este enfoque comprométenos a integrar dimensións ambientais, sociais e económicas nun marco coherente de transformación territorial orientada ao benestar e resiliencia das comunidades e dos ecosistemas, cun foco especial nas actividades agrarias.
Entidades colaboradoras:
Fundación RIA
A Fundación RIA é unha axencia independente sen ánimo de lucro, un think-tank que traballa para mellorar a sustentabilidade do territorio e a calidade de vida en Galicia. En case dez anos de traxectoria, a contribución de RIA á planificación do territorio e a mellora da arquitectura pode constatarse en proxectos tan diversos como a rexeneración da fronte marítima de Palmeira, a integración da AC-305 ao seu paso por múltiples localidades da península do Barbanza, a estratexia de dinamización da aldea modelo de Muimenta, ou o Laboratorio Ecosocial do Barbanza, recoñecido como proxecto emblemático polo MITECO. RIA tamén contribuíu á mellora da calidade dos procesos de contratación de arquitectura e urbanismo e mostra diso son a coordinación e apoio á organización de concursos: a nova sede do IIM-CSIC en Vigo, a recuperación do Pazo de Lourizán, a consolidación da Panda dá Dá como espazo de oportunidade da xestión sostible do territorio, un centro social para a aldea de Muimenta ou un plan director para a rexeneración urbana da Pobra do Caramiñal.
A través da súa participación no Foro Territorio Rural Resiliente, RIA busca implicar activamente a administracións públicas, comunidade científica, empresas, terceiro sector, e cidadanía, nunha iniciativa común para codeseñar estratexias que permitan reforzar a capacidade organizativa dos distintos axentes que xestionan o territorio.
Gobernanza, cooperación público-privada para a ordenación territorial
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público que reúne e representa o representa o xornalismo galego. Creado pola Lei 24/99 do Parlamento de Galicia, conta cunha base social de máis de 1.000 profesionais. Ademais da defensa profesional dos seus membros e da mellora das condicións nas que exerce o xornalismo, o CPXG ten entre as súas funcións a salvagarda do dereito á información veraz de toda a sociedade.
Nos seus 25 anos de historia, o Colexio de Xornalistas impulsou o Código Deontolóxico do Xornalismo Galego e a Declaración de Compostela sobre o tratamento informativo da violencia machista, promoveu programas de alfabetización mediática, creou o rexistro de medios dixitais Nrede e organizou múltiples xornadas formativas e de reflexión sobre a práctica periodística. Entre outras iniciativas, o CPXG organiza anualmente o Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, o Premio Somos Esenciais de xornalismo social e a Bolsa Nacho Mirás para Xornalistas Noveis.
Coa participación no Foro Territorio Rural Resiliente o CPXG quere contribuír á reflexión sobre os desafíos de xestión do territorio que afronta Galicia, poñer en valor o papel esencial do xornalismo como intermediario coa sociedade e fortalecer unha rede multidisciplinar de entidades e profesionais que colaboren na comprensión e na activación de respostas ante estes retos.
Fundación Roberto Rivas
A Fundación Roberto Rivas é unha entidade privada, independente e sen ánimo de lucro que traballa para impulsar un desenvolvemento sostible, innovador e inclusivo das comunidades rurais. A través do apoio ao emprendemento con impacto e da capacitación das persoas, promove iniciativas que fortalecen o tecido socioeconómico local, favorecen a fixación e atracción de poboación e contribúen á dinamización e resiliencia do territorio rural.
A nosa participación no Foro Territorio Rural Resiliente responde á vontade de sumar esforzos, compartir aprendizaxes e aliñar estratexias con outros axentes públicos e privados comprometidos co futuro do rural. Entendemos o Foro como un espazo clave para construír visión compartida, impulsar accións coordinadas e reforzar a capacidade transformadora das comunidades rurais desde unha perspectiva sistémica.




