Foro
Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
Por un territorio resiliente
O fin último do Foro Territorio Rural Resiliente é contribuír a un territorio rural máis activo, resiliente ao lume e preparado para afrontar os retos económicos, demográficos, climáticos e ambientais, a través da mellora da ordenación e xestión territorial.
O territorio galego ten mudado de xeito drástico no último medio século. Un proceso caracterizado pola polarización, a especialización e o abandono de amplas zonas do rural. Concentración da poboación, desagrarización, forestación, balanza alimentaria desequilibrada, lumes, son só algunhas das dimensións desa evolución. Os retos son evidentes e amplifícanse no contexto da mudanza climática, que xa se manifesta con claridade a través de eventos meteorolóxicos extremos cada vez máis frecuentes. Nese escenario, as materias pendentes son acuciantes: consolidar definitivamente unha visión estratéxica de ordenación territorial, apuntalar os avances en materia de xestión de terras e impulsar de forma decidida a rexeneración agraria do territorio, ao tempo que se conservan e potencian os seus valores ambientais.

Os obxectivos específicos do Foro son:
- Aumentar e cohesionar a masa crítica de axentes e organizacións sensibilizadas e mobilizadas para avanzar nunha visión territorial resiliente e xusta.
- Consolidar a diagnose da problemática territorial que dá orixe á vulnerabilidade fronte aos grandes lumes.
- Reflexionar sobre o estado actual dos instrumentos de ordenación territorial e xestión de terras, cunha atención especial aos usos agrarios no rural.
- Mellorar a coordinación público-privada e institucional no deseño e execución de políticas activas de ordenación territorial e xestión de terras.
- Visibilizar e poñer en valor experiencias de éxito na recuperación da xestión do espazo rural.