O encontro, celebrado no IBADER–Campus Terra, forma parte dun proceso impulsado desde a sociedade civil galega para mellorar a xestión do rural e avanzar cara a un territorio máis activo e resiliente.
O foro final, previsto para o 28 de maio en Santiago, abrirá un número limitado de prazas ao público xeral.
Lugo, 12 de marzo de 2026 | A ordenación e planificación dos usos do territorio rural centrou este xoves en Lugo a segunda das mesas de traballo do Foro Territorio Rural Resiliente, un proceso de reflexión colectiva impulsado pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que reúne persoas expertas e representantes de distintos ámbitos para analizar os desafíos do rural galego e propoñer liñas de actuación.
O encontro celebrouse na sede do IBADER, no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela en Lugo, baixo o título “A ordenación de usos e instrumentos de planificación no rural”. Durante a sesión, especialistas procedentes do ámbito académico, institucional e profesional debateron sobre a necesidade de mellorar as ferramentas de planificación e xestión do territorio rural.
Unha das primeiras conclusións deste encontro foi que a complexidade, xunto coa falta de coordinación e complementariedade entre as distintas normativas sectoriais, dificulta a súa aplicación no territorio.
O obxectivo xeral desta mesa é reflexionar sobre a situación actual da planificación territorial no rural, analizar os instrumentos existentes e detectar as súas limitacións, coa finalidade de identificar posibles melloras que permitan avanzar cara a un territorio máis activo, organizado e resiliente.
Un foro impulsado desde a sociedade civil
A reunión forma parte dun proceso máis amplo que culminará o 28 de maio en Santiago de Compostela coa celebración do Foro Territorio Rural Resiliente, un encontro no que se presentarán as conclusións das distintas mesas de traballo.
Un dos aspectos que destacan os seus promotores —a Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia— é que se trata dunha iniciativa independente que nace desde a sociedade civil, na que participan axentes procedentes de entidades relevantes do tecido social galego xunto a representantes da administración pública. O obxectivo é fomentar un espazo de diálogo amplo que permita abordar os retos do territorio desde distintas perspectivas.
O foro parte da constatación de que o territorio galego experimentou profundas transformacións nas últimas décadas —como a concentración da poboación, o abandono de terras ou a expansión forestal— que obrigan a repensar a súa organización e xestión.
Un proceso participativo para definir propostas
As mesas de traballo constitúen o núcleo deste proceso participativo. En cada unha participan entre 15 e 20 persoas expertas e representantes de diferentes sectores vinculados ao rural, que analizan problemas, revisan políticas e instrumentos existentes e formulan posibles accións para mellorar a xestión do territorio.
As conclusións que xurdan destas sesións servirán de base para o debate do foro final, onde se buscará avanzar cara a unha visión compartida do territorio rural galego e cara a estratexias capaces de afrontar os desafíos demográficos, climáticos e económicos que afectan ao rural.
O obxectivo último da iniciativa é contribuír a un territorio rural máis activo, resiliente fronte aos incendios e preparado para afrontar os retos económicos, demográficos, climáticos e ambientais, a través dunha mellor ordenación e xestión territorial.
Un encontro aberto á cidadanía
O evento final do Foro Territorio Rural Resiliente, previsto para o 28 de maio en Santiago de Compostela, contará coa participación de representantes institucionais, especialistas e axentes do territorio.
Ademais, a organización prevé abrir un número limitado de prazas para público xeral, co obxectivo de facilitar a participación da cidadanía interesada no futuro do rural galego.
Con iniciativas como esta, os promotores do foro buscan ampliar o debate público sobre o territorio rural e reforzar a colaboración entre institucións, comunidade científica, sector produtivo e sociedade civil para avanzar cara a un modelo territorial máis equilibrado e sostible.