O Foro Territorio Rural Resiliente inicia este mes as súas mesas de traballo previas á gran cita do 28 de maio en Santiago de Compostela
Organizado pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio da USC (LaboraTe), coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Foro busca ampliar e cohesionar a masa de axentes que impulsan a ordenación e xestión activa do territorio para facer fronte aos retos demográficos, climáticos e económicos do rural galego.
Galicia inicia este mes un proceso de reflexión colectiva sobre o futuro do seu territorio rural coa posta en marcha das mesas de traballo do Foro Territorio Rural Resiliente, unha iniciativa que culminará o 28 de maio en Santiago de Compostela cun encontro aberto a representantes institucionais, profesionais e sociedade civil.
O foro organizado pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio da USC (LaboraTe), en colaboración coa Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, nace co obxectivo de contribuír a un territorio rural máis activo, resiliente ao lume e preparado para afrontar os retos económicos, demográficos, climáticos e ambientais, a través da mellora da ordenación e da xestión territorial. Para iso, a iniciativa promove un proceso participativo previo no que especialistas de diferentes ámbitos analizarán os principais desafíos do rural galego e formularán propostas de acción.
A iniciativa parte da constatación de que o territorio galego experimentou profundas transformacións nas últimas décadas. A concentración da poboación, a perda de actividade agraria, a expansión forestal sen planificación, ou o abandono son algúns dos factores que evidencian a necesidade de repensar a organización e a xestión do rural. Os grandes incendios son o síntoma dramático desas dinámicas e urxe atallalas.
Un proceso participativo en fases
As mesas de traballo constitúen o núcleo deste proceso. En cada unha delas participarán arredor de 15 a 20 persoas expertas e representantes de distintos sectores profesionais e organizativos vinculados ao rural, que debaterán sobre cuestións consideradas clave para o futuro do territorio.
O seu labor consistirá en identificar problemas, analizar ferramentas e políticas existentes e propoñer liñas de actuación que poidan contribuír a unha mellor xestión do espazo rural.
Entre os ámbitos de reflexión inclúense a visión estratéxica do territorio rural, a ordenación de usos e os instrumentos de planificación, a mobilización e xestión activa do espazo agroforestal, as persoas e as actividades económicas no rural, así como a gobernanza e a cooperación público-privada ou o papel da comunicación e da concienciación social.
O traballo destas mesas desenvolverase en varias fases. Nun primeiro momento, as persoas participantes analizarán un documento de partida que recolle unha diagnose da situación actual e os principais retos do territorio que servirá para completar a análise, identificar cuestións prioritarias e formular posibles accións estratéxicas.
Trala primeira reunión presencial, os participantes continuarán o traballo mediante o intercambio de propostas e documentos, co obxectivo de concretar medidas que poidan ter impacto real na xestión do territorio e poder definir nun segundo encontro as conclusións e recomendacións finais de cada mesa. As conclusións e recomendacións finais das mesas constituirán a base do Foro Territorio Rural Resiliente, onde se presentarán e debaterán ante unha audiencia máis ampla. O encontro pretende facilitar o diálogo entre institucións públicas, comunidade científica, sector produtivo e sociedade civil para avanzar cara a unha visión compartida do territorio rural galego.
As mesas de traballo que comezan este mes representan, así, o primeiro paso dun proceso máis amplo orientado a construír unha estratexia compartida para o territorio rural galego, capaz de afrontar os desafíos actuais e de aproveitar as oportunidades que ofrece o rural nas próximas décadas.
Calendario das mesas de traballo
O ciclo de primeiros encontros desenvolverase ao longo do mes de marzo en diferentes puntos de
Galicia:
Mesa “Visión estratéxica do territorio rural”, 11 de marzo, Sede da Fundación Juana de
Vega | Oleiros (A Coruña), 10:00 – 14:00 h
Mesa “A ordenación de usos e instrumentos de planificación no rural”, 12 de marzo,
IBADER – Campus Terra | Lugo. 10:00 – 14:00 h
Mesa “Mobilización e xestión activa do espazo agroforestal”, 17 de marzo, IBADER –
Campus Terra | Lugo, 10:00 – 14:00 h
Mesa “Gobernanza e cooperación público-privada para a ordenación territorial”, 17
de marzo, Sede Fundación RIA | Santiago de Compostela, 10:00 – 14:00 h
Mesa “Persoas, poboación e actividades no rural”, 18 de marzo, Fundación Roberto
Rivas | Silleda (Pontevedra), 10:00 – 14:00 h
Mesa “Comunicación e concienciación social”, Data pendente de confirmación, Colexio
Profesional de Xornalistas de Galicia | Santiago de Compostela