A mesa de traballo celebrada na sede da Fundación RIA forma parte do proceso preparatorio do Foro Territorio Rural Resiliente, que reunirá en maio en Santiago propostas para reforzar a xestión territorial en Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2026 | A gobernanza territorial e a cooperación entre institucións públicas e axentes privados centraron este martes en Santiago de Compostela unha das mesas de traballo do Foro Territorio Rural Resiliente, un proceso de reflexión colectiva que reúne persoas expertas e representantes de distintos ámbitos para analizar os desafíos do rural galego e propoñer liñas de actuación.
O encontro celebrouse na sede da Fundación RIA, baixo o título “Gobernanza e cooperación público-privada para a ordenación territorial”, e reuniu especialistas do ámbito académico, institucional e profesional vinculados á planificación e xestión do territorio.
Durante a sesión debateuse sobre a necesidade de reforzar a coordinación entre administracións públicas, entidades privadas e axentes sociais para mellorar a capacidade de acción conxunta no territorio rural. A análise abordou tamén as dificultades existentes na gobernanza territorial e as oportunidades para impulsar modelos de colaboración máis eficaces e coherentes.
A mesa forma parte do proceso preparatorio do Foro Territorio Rural Resiliente, unha iniciativa impulsada pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
O foro ten como obxectivo contribuír a un territorio rural máis activo, resiliente fronte aos incendios e preparado para afrontar os retos económicos, demográficos, climáticos e ambientais, a través da mellora da ordenación e da xestión territorial.
As mesas de traballo constitúen o núcleo deste proceso participativo. En cada unha delas participan entre 15 e 20 persoas expertas e representantes de distintos sectores vinculados ao rural, que analizan os retos existentes e formulan propostas orientadas a mellorar a xestión do territorio.
As conclusións que xurdan destas sesións, xunto coas da segunda queda que se celebrarán do 21 ao 24 de abril na sede de Fundación Juana De Vega servirán de base para o debate do Foro Territorio Rural Resiliente, que se celebrará o 28 de maio en Santiago de Compostela e no que se presentarán as principais recomendacións e liñas de acción xurdidas do proceso.
Valoración da coordinación da mesa
Adrián Capelo, responsable de proxectos da Fundación RIA, sinala que neste encontro se concluiu que a gobernanza non se limita á participación formal e puntual de múltiples actores públicos, privados e comunitarios, senón que implica tamén a súa capacidade para actuar de maneira coordinada, asumir responsabilidades e contribuír activamente á definición e implementación de proxectos.
A sesión celebrada en Santiago forma parte dunha serie de encontros temáticos que se están a desenvolver en distintos puntos de Galicia co obxectivo de analizar de forma conxunta os retos do territorio rural e avanzar cara a propostas compartidas que contribúan a mellorar a súa xestión e a súa resiliencia no futuro.